lunes, 27 de abril de 2015

As consecuencias da indiferenza

Hai uns meses elaborei un formulario para que uns alumnos expresaran as súas preferencias en relación cunha serie de materias optativas que teñen que cursar. Expliqueilles nunha reunión presencial que en función do resultado podía establecerse o número de prazas de cada materia e evitar que alguén quedase sen cursar aquelo que desexa. Preto da metade dos afectados non responderon á enquisa; os datos obtidos non foron suficientes e non permitiron facer unha previsión razoable. Xa que logo, tódalas materias terán o mesmo número de prazas, independentemente da demanda, e probablemente algúns estudantes non poidan cursar os contidos que lles interesan.


Agora teñen nas súas mans outra enquisa, para valorar a súa satisfacción coa titulación que cursan. Os resultados destes cuestionarios permiten detectar debilidades e tratar de corrixilas. Tras moitos recordatorios infrutuosos, un docente facilitoulles tempo da súa clase para que accederan á aplicación e completaran o breve formulario. Duns corenta asistentes, só oito o fixeron. Cando teñamos tódalas respostas constataremos que son tan poucas que non son representativas e, polo tanto, as opinións dos que si se expresaron non se terán en conta.


Pregúntome se a indiferenza que amosa este colectivo é puntual ou estrutural. Se está limitada a certos grupos, idades, situacións… ou se vivimos nunha sociedade marcada por unha actitude xeral indiferente. Porque de ser así, existen moitas causas que se poden dar por perdidas. ¿Como imos tomar conciencia de situacións que nos resultan afastadas (no espazo ou no tempo) e ante as que as posibilidades de actuación son limitadas e complexas, se somos indiferentes ante as nosas propias circunstancias, incluso cando a nosa indiferenza pode xerar consecuencias indesexables para nós mesmos e nos poñen as ferramentas de actuación en bandexa?
Quero pensar que o relato anecdótico me leva a unha xeneralización errónea. Igual é que teño o día pesimista.

2 comentarios:

  1. Un relato anecdótico que vale para este ano, e para o ano anterior, e para o anterior do anterior... igual xa non é tan anecdótico... ou igual teño tamén eu o día pesimista...

    ResponderEliminar
  2. É certo :( Ufff, teño medo, en serio.

    ResponderEliminar