martes, 14 de abril de 2015

O felpudo

Hai uns anos tiñamos na porta da casa un felpudo. Tiña debuxado un caracol moi xeitoso e, por baixo, a lenda "Live slow". Aquelo era máis unha utopía que un posicionamento real ante a vida, pero sí supuña, polo menos, unha declaración de intencións. A verdade é que o felpudo durou pouco, por unha razón moi prosaica: tiña unha goma que manchaba a parede cando limpaban o relanzo e puñan as alfombriñas de pé, apoiadas contra o muro. Así que foi substituído por outro máis normaliño, sen mensaxe e sen icona de ningún tipo.

Daquela, cando puxemos o felpudo do caracol, eu non coñecía as teorías do decrecemento nin nada que se lle parecera. Tampouco sabía, obviamente, que o caracol se empregaba, en moitas ocasións, como símbolo deste movemento, co que dei algún día na rede -non lembro cando nin como, pero seguramente por casualidade. As miñas escasas lecturas sobre este tema aproximáronme ó fenómeno desde o punto de vista medioambiental e económico; pareceume tan interesante como difícil de desenvolver.

Hai uns días, nun curso na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, na que polo momento me aturan como docente e investigadora, un animador sociocultural, Alberto García (Alberto de Boiro), formulou un marco teórico para a súa profesión no que mencionaba o decrecemento como un dos seus piares. Falaba, concretamente, do decrecemento cultural, unha perspectiva desde a que a min non se me ocorrera ver este movemento e que me fixo reflexionar sobre as posibilidades do concepto.

E hoxe, non sei moi ben por qué, veu á miña mente a asociación entre o decrecemento e o meu felpudo. Non é que eu sexa adaíl das propostas decrecentistas nin que predique co exemplo, nin moito menos; de feito, vivo instalada, como o que máis, nun cómodo capitalismo insostible e insolidario, consumindo produtos que non necesito e perpetuando o modelo a través da educación que, querendo ou sen pretendelo, dou ás miñas fillas. Pero sí teño unha certa inquedanza en torno á idea do decrecemento aplicada ao desenvolvemento do individuo, unha noción de decrecemento vital, de vida sinxela e lenta fronte ás présas e o ruído que nos abouxan constantemente.

E pregunteime a min mesma, ¿por que non ter un espazo de reflexión no que pararme de cando en vez, no que poder pensar, sen présas, sen pretensións?, ¿por que non escribir un blog? E así nace hoxe Decrecendo, como homenaxe ao caracol do meu esquencido felpudo e ao ideal que entraña.Pese ao seu nome, non se trata dun blog sobre o decrecemento (só se inspira nel, moi lonxanamente); non é un blog profesional nin un blog temático. É, simplemente, unha bitácora persoal na que escribirei (ou non) sobre o que me apeteza cando me apeteza. Non ten ningún obxectivo, porque ás veces tamén hai que facer cousas sen ter unha meta, polo simple placer de facelas. E non terá ningunha periodicidade establecida; pode que volva escribir mañá ou que tarde un ano en facelo. Por iso mesmo, probablemente nin teña lectores.

Tanto ten.




No hay comentarios:

Publicar un comentario