martes, 21 de abril de 2015

Necesito desconectar un pouco

O Sr. X érguese cada mañá e levanta a persiana do seu cuarto. Neses momentos está alborexando, pero o Sr. X non ve o amencer porque está comprobando no seu móbil se lle entrou algunha mensaxe no whatsapp.

Logo dunha ducha rápida, vai almorzar. Prepara unha taza de café que arrecende e unhas torradas con mel, cunha pinta estupenda. De feito, teñen tan boa pinta que decide facerlles unha foto e cólgaa no instragram, cunha lenda que di “comezando o día con enerxía”, como dicía o anuncio da tele. Logo, engulipa correndo as torradas, bebe o café dun grolo, sen cheiralo, sen saborealo, e marcha correndo.

Vai ao traballo en autobús. É un día de primavera e a cidade, a pesar do formigón e do cemento, está fermosa, coa luz do sol reflectida nas pequenas gotas de auga que o orballo deixou nas follas das árbores e as primeiras flores asomando nos xardíns urbanos. Pero o Sr. X non se decata; vai lendo a prensa no móbil; é importante estar informados antes de ir a traballar.

Cando chega a súa mesa, o Sr. X prende o portátil. Ao cabo dun rato, pecha a fiestra; os paxaros non paran de chiar e non lle deixan escoitar ben a música do Spotify, que lle axuda a concentrarse nas súas tarefas. Ademais, os chíos confúndense co son que lle ten ao whatsapp e teme non enterarse se lle entra algunha mensaxe importante dalgún dos grupos aos que pertence.

Á hora do xantar, o Sr. X e os seus compañeiros optan por ir ao centro comercial. Hai algúns locais na rúa cun bo menú do día, pero non teñen wifi. Así aproveitan a comida para poñerse ao día co twitter e co facebook. Entón é cando se entera de que a súa compañeira de traballo, coa que está comendo agora mesmo, está embarazada. Poñlle os parabéns directamente no seu muro.

Pola tarde, o Sr. X ten unha reunión na que lle dá tempo a contestar os correos electrónicos pendentes e logo, colle o autobús de volta para a casa.

Cando chega, o seu fillo pequeno cóntalle algo dun premio do colexio, mentras el mira o As, que pola mañá non atopou o momento de botarlle unha ollada. Durante a cea coa súa muller sáltalle un aviso no calendar; falta unha semana para o seu aniversario de voda, así que xa aproveita para encargar un regaliño en Amazon.

Despois da cea, o Sr. X dille á Sra. X: “marcho para a cama; vou mirar unhas cousiñas na tablet, que necesito desconectar un pouco”. A Sra. X queda no sofá xogando co ipad, coa lencería nova debaixo do camisón.

1 comentario: